Unidade 9

A humanidade en evolución:

dunha economía depredadora ao mundo feudal

    Esta unidade didáctica, denominada A humanidade en evolución: dunha economía depredadora
ao mundo feudal, é a primeira das catro que constitúen o módulo 3 do ámbito social.
 
    Está dividida en tres partes, e trata un longo período da historia da humanidade que
vai desde a orixe do ser humano, hai máis de dous millóns de anos, ata a fin da Idade Media,
ao remate do século XV.
 
    - A primeira parte analiza a evolución do ser humano, desde os homínidos ata a aparición
do Homo sapiens sapiens, e os dous grandes períodos prehistóricos, o Paleolítico e o
Neolítico.
 
   - A segunda céntrase na chamada Idade Antiga, a primeira das etapas en que se divide
convencionalmente a Historia. Nela desenvólvense as grandes civilizacións da antigüidade:
a mesopotámica, a exipcia, a grega e o Imperio Romano. Tamén xorde neste período
histórico a relixión que determinou a historia de Occidente, o cristianismo.
 
   - A Idade Media trátase na derradeira parte, unha etapa de mil anos que se inicia coa fin
do Imperio Romano, no ano 476, e remata a finais do século XV. Abrangue as invasións
dos pobos bárbaros ou xermánicos, que lle poñen fin á civilización romana; o nacemento
doutra das relixións máis influentes, o islamismo; a implantación dun novo
sistema social e económico en Europa occidental, o feudalismo; o forte poder ideolóxico
e económico da Igrexa; e o renacemento das cidades en Europa a partir do século
XI.